Sobre a revista

Enfoque e alcance

A Revista Galega de Dereito Social (Segunda época) é unha publicación científica do Consello Galego de Relacións Laborais, dirixida a difundir entre os colectivos docentes, investigadores e profesionais interesados no mundo laboral a actualidade legal, xurisprudencial e doutrinal na materia, con especial incidencia no marco galego de relacións laborais. Segue a filosofía do acceso aberto ao coñecemento xurídico, promovendo ademais a creación de textos xurídico-laborais en galego, para consolidar o seu uso técnico.

Na Revista publicaranse traballos nas linguas galega e castelá. Ten unha periodicidade semestral. O Consello de Redacción, de forma excepcional, poderá aprobar a publicación dun número extraordinario de carácter monográfico, a instancia do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais.

Sobre o proceso de revisión por pares

Os traballos que cumpran as normas técnicas de publicación na Revista serán enviados para a súa avaliación, con omisión da súa autoría, a dúas persoas designadas ad hoc pola Secretaría da Revista de entre as nomeadas polo Consello de Redacción para levar a cabo este labor.

A avaliación levarase a cabo con completo anonimato de revisores e revisado, conforme ao procedemento e instrucións que se elaborarán polo Consello de Redacción.

Os resultados da avaliación, que deberán ser enviados nun prazo de quince días, sexa tanto positiva como negativa, comunicaranse por correo electrónico ás persoas que enviaron os traballos, xunto cos ditames das persoas que realizaron a avaliación, omitindo a identidade destas.

O Consello de Redacción aceptará para a súa publicación os traballos con dúas avaliacións positivas, aínda que estas inclúan suxestións. Neste último caso, a Secretaría da Revista devolverá o traballo á persoa que o enviou para que incorpore ditas suxestións no prazo improrrogable de dez días.

Non se publicarán os traballos que teñan dúas avaliacións negativas. Se un traballo obtivese unha avaliación positiva e unha avaliación negativa, enviarase a un terceiro avaliador para a súa valoración. Só se nesta terceira avaliación fose positiva o Consello de Redacción poderá aceptalo para a súa publicación.

Anualmente, o Consello de Redacción revisará a calidade das avaliacións realizadas e realizará as adaptacións que considere oportunas no procedemento de avaliación.

A Revista Galega de Dereito Social non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de que patrocine a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas.

Sobre a Historia da RGDS

Na súa primeira época, entre 1999 e 2004, A Revista Galega de Dereito Social era unha publicación do Consello Galego de Relacións Laborais da Xunta de Galicia que englobaba as sentencias máis significativas dictadas polas Salas do Social e do Contencioso-Administrativo do T.S.X.G., así como resolucións da Dirección Xeral de Relacións Laborais, artigos doutrinais, lexislación, etc. Pode consultase en http://cgrl.xunta.es/g_rgds.asp

En 2016 a RGDS comeza unha nova época, en formato dixital e dentro da filosofía do acceso aberto. No ano 2025 a RGDS comenzó a registrar toda su producción en DOI.

 

Política de acceso aberto

Esta revista proporciona un acceso aberto inmediato ao seu contido, baseado no principio de que ofrecer ao público un acceso libre ás investigacións axuda a un maior intercambio global de coñecemento.

Normas éticas e declaración de malas prácticas

1.Ética

Como condición implícita para publicar na Revista Galega de Dereito Social (RGDS) espérase que os autores se adhiran aos principios fundamentais da ética e conduta profesionais que caracterizan todas as áreas e publicacións académicas. No acordo de publicación, os autores garantizan que o seu traballo é orixinal e que non foi publicado en ningún outro lugar. Espérase de todas as partes a conformidade coas normas fundamentais de respecto profesional e civismo. Non obstante, os malentendidos e descuidos ocorren, incluíndo casos (ou acusacións) de plaxio, atribución inadecuada, conflitos de intereses ou comportamento persoal abusivo cara aos avaliadores externos, os autores, os editores ou os membros do equipo da revista.

2. Plaxio e reeditado de artigos

O plaxio é o acto de reproducir un texto ou outros materiais procedentes de outras publicacións sen acreditar correctamente a fonte. Considérase que tal material foi obxecto de plaxio, independentemente de se foi modificado ou parafraseado. O plaxio representa unha violación ética grave e pode conlevar unha violación legal dos dereitos de autor se o material reproducido foi previamente publicado. Os autores que desexen facer citas doutros traballos publicados deben citar toda a referencia orixinal completa e incluír entre comiñas calquera cita textual. As gráficas e ilustracións só poden ser reproducidas coa autorización pertinente e teñen que ser adecuadamente citadas no pé do propio aparato gráfico, sempre seguindo as normas especificadas na nosa propia páxina web.

3. Conflitos de intereses

O método de avaliación externa é o dobre cego, garantindo tanto o anonimato do autor como a imparcialidade dos avaliadores na súa decisión.

Na maioría dos casos, un individuo que traballe na mesma institución que o autor ou un dos coautores do texto está incapacitado para levar a cabo a avaliación deste. Os editores teñen que vixiar os posibles conflitos de intereses, polo que están obrigados a inhabilitarse a si mesmos sempre que se presente un conflito de intereses real ou aparente.

4. Normas de confidencialidad

Excepto nos casos onde os avaliadores renuncien ao seu anonimato coa conformidade dos editores, todas as avaliacións serán realizadas baixo as condicións da máis estricta confidencialidade. As revistas e os editores non revelarán a identidade dos avaliadores ou os contidos dos informes e a correspondencia derivada do propio proceso de avaliación a ningunha persoa externa a eles. Os avaliadores están obrigados pola máis estrita confidencialidade; nin os manuscritos nin os contidos da correspondencia do autor cos editores no proceso de avaliación poderán ser compartidos con terceiros sen permiso por escrito dos propios editores.

No sentido estrito, os autores non están obrigados por esixencias similares (por exemplo, poden optar por pedir consello a coautores e colegas no proceso de revisión dun texto unha vez recibidos os informes de avaliación), pero a divulgación pública dos contidos dos informes de avaliación e a correspondencia co equipo editor non é procedente. Calquera autor que actúe neste sentido perde os seus dereitos á protección confidencial por parte das revistas.

5. Conducta profesional e civismo

Espérase de todos os participantes no proceso de publicación, incluindo os editores, autores, avaliadores externos e membros do equipo da revista, conformidade coas normas básicas da cortesía profesional e o respecto polas directrices e normas fundamentais que rixen o proceso de avaliación externa e publicación. Os ataques persoais e os abusos verbais, sexan orais ou escritos, son inaceptables baixo calquera circunstancia, polo que as revistas se reservan o dereito a rexeitar a presentación de orixinais por parte de individuos que violen repetidamente estes principios ou que se neguen a cooperar cos editores e avaliadores no proceso normal de avaliación e publicación.

Calidade e impacto

A Revista Galega de Dereito Social (RGDS) foi incluída nos seguintes repositorios e bases de datos académicas:

Licenza, condicións de uso e reutilización dos contidos

CC BY-NC-ND 4.0